Marchan a bo ritmo os traballos da II Fase da “Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)”

A bo ritmo e segundo a planificación prevista. Así cualifica o Xefe do servizo de proxectos e obras do Concello de Carballo, José Facal, a marcha dos traballos da Fase II da “Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)”, que están sendo realizados pola UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL e Demaín Obras y Servicios SL por un importe de 2.413.950 euros (IVE incluído). O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado do Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, do Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, e da Concelleira de Educación e Cultura, Mar Eirís, visitou o lugar onde se están realizando as obras da ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable), incluída no proxecto, na parroquia de Sofán, unha instalación que, coa potabilizadora xa existente, terá capacidade no futuro para abastecer todo o territorio carballés. Facal subliñou durante a visita que se están cumprindo os prazos estipulados no proxecto técnico e que se está traballando con celeridade aproveitando as boas condicións meteorolóxicas do verán. Segundo explica, o depósito de auga bruta que logo subministrará a nova estación poderá estar rematado no mes de outubro, mentres que está previsto que o groso da actuación estea listo a primeiros de maio de 2015, logo de oito meses e medio de execución.

Ao importe total da actuación, hai que sumar as melloras sen custo adicional para o Concello ofertadas pola adxudicataria valoradas en 301.755,82 euros, que implican a realización de tres redes de saneamento na Costa, no Esmorís e no Cadaboso, na parroquia de Berdillo e que subirían o importe total a 2,7 millóns de euros. Polo de agora, estase traballando na parcela de 6.600 metros cadrados onde estará situada a ETAP. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo salientar que, no que respecta ao investimento, a “Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)” “é a obra máis importante que se terá realizado en Carballo durante este mandato”, unha actuación que permitirá mellorar o sistema de abastecemento e solucionar calquera problema neste sentido que puidera xurdir no futuro. Tamén hai que lembrar que nestes momentos está aberto o proceso para adxudicar o contrato administrativo da obra da Fase I da “Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)”, despois de que a Xunta de Goberno ratificase o 11 de agosto a resolución do primeiro contrato, subscrito coa UTE formada por Extraco Construcións e Proxectos SA e Decoraciones J. Bello SL, por incumprimento por parte das empresas. Téñense presentado 17 propostas neste segundo procedemento e o Alcalde espera que o contrato esta adxudicado antes de que remate o mes de setembro.

Fonte: www.carballo.org